Había unha vez tres chibos que vivían nunha montaña: o chibo chibón pequeno, o chibo chibón mediano e o chibo chibón grande.
Un día viron unha herba moi verde que crecía ao outro lado do río. Pero para chegar aló había que cruzar unha ponte e debaixo dela vivía un ogro terrible, que non deixaba pasar a ninguén. Así pois, o chibo pequeno, o chibo mediano e o chibo grande tiveron que argallar a forma de burlar ao monstro. Unha historia que nos amosa que a intelixencia e o enxeño poden máis que a forza física...
Olalla González adapta para os primeiros lectores este conto popular europeo, cunha versión especialmente creada para ser contada. En “Chibos chibóns”, os cativos atoparán un xogo de tamaños, números e sons, que tamén se traduce nun xogo tipográfico a través das páxinas do libro. Federico Fernández, galardoado en 2001 co Primeiro Premio Nacional de Ilustración por “Onde perdeu Lúa a risa?”, apórtalle á historia unha boa dose de humor, creando unha serie de personaxes dotados de gran expresividade.
Esta que vos presentamos aquí é outra versión deste álbum, editado na colección Makakiños de KALANDRAKA, destinada a persoas con necesidades educativas especiais, para o que o relato foi adaptado ao sistema de pictogramas SPC.
No hay comentarios:
Publicar un comentario